Amosando 27 resultados

Descrición arquivística
1ª División de Sección
Previsualización da impresión Ver:

TRANSPORTES

Recolle esta 1ª División de sección os documentos relacionados cos transportes e as comunicacións. Os concellos tiveron ó longo da historia certas competencias en materia de transportes e telecomunicacións.

3.4.1.- Licenzas de taxis
Documentación derivada da procedemento de concesión de licenzas de transporte público de viaxeiros como por exemplo as licencias de taxis, autobuses e ambulancias que exercen actividade no seu territorio, podendo existir ó respecto expedientes de concesión de licencias, denuncias e reclamacións contra o funcionamento dos servizos de transporte público, etc... e rexistros como libros de rexistro de taxistas, entre outros.

3.4.2.- Expedientes de transportes e telecomunicacións
No ámbito das telecomunicacións, os concellos tiveron competencias en materia de teléfonos, correos e telégrafos, posto que lles correspondía o exercicio de determinados procedementos da xestión e supervisión da oficina municipal encargada de tales servizos, debendo manterse toda a documentación referida a estes aspectos encadrada nesta serie.

TESOURARÍA

A Tesouraría das Entidades Locais está constituída polos recursos financeiros, sexan diñeiro, valores ou créditos da Entidade Local. As función encomendadas á tesouraría son: recadar os dereitos e pagar as obrigacións; centralizar os fondos e valores xerados por operacións presupostarias e extrapresupostarias, distribuír no tempo as disposicións en diñeiro para satisfacer as obrigacións e responder dos avais contraídos.

O antecedente do Tesoureiro encontrámolo no Mordomo do S. XIII. As súas funcións eran as de presentalas contas e libranzas que expedía o alcalde, levar a cabo os cobros e custodiar os depósitos. Estas funcións que podían ser outorgadas a calquera veciño que merecera a confianza dos membros da Corporación ou ben declarala como cargo municipal.

Por R.D. de 10 de xuño de 1930 crease o corpo de Depositarios de fondos da Administración Local, corpo que será disolto durante a II República e rehabilitado coa Lei de Bases de 1935. A partir de 1945 os Depositarios van a sufrir poucas variacións nas súas funcións, a Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das bases de réxime local e o R.D. Lexislativo 781/1986, de 18 de abril, texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local defíneos como funcionarios de habilitación nacional que teñen atribuída a responsabilidade administrativa das funcións da tesouraría, que inclúe o manexo e custodia de fondos e valores da entidade e a recadación.

Recolle a documentación xerada polo departamento facendístico homónimo, encargado da xestión dos recursos financeiros, sexan valores, diñeiro ou créditos, da entidade local. As funcións encomendadas á Tesouraría son: recadar os dereitos e pagar as obrigas, centralizar os fondos e valores xerados por operacións presupostarias e extrapresupostarias e distribuír no tempo as dispoñibilidades de capital para satisfacer as obrigas e responder ós avais contraídos.

Segundo o artigo 5 do R.D. 1174/1987 será función da tesouraría o manexo e custodia de fondos, valores e efectos da entidade local e a realización de cantos cobros e pagamentos corresponda ós fondos e valores da entidade.

SERVIZOS XURÍDICOS

A documentación que recolle esta 1ª división de sección contén expedientes de procedementos civís, contencioso-administrativo, económico-administrativos, laborais e penais, os expedientes de recursos administrativos, os ditames e informes e as sentenzas.

Os administrados teñen como primeira vía de reclamación na defensa dos seus dereitos o recurso ante o propio órgano do concello cando unha decisión do mesmo sexa considerada lesiva ou inxusta. Estes recursos e reclamacións, cos oportunos informes de letrados e técnicos municipais, resolven estas reclamación de carácter patrimonial, urbanístico ou facendístico. Noutras ocasión son o primeiro paso para o inicio dunha subseguinte vía xudicial ante o órgano oportuno por parte do interesado ou mesmo da propia administración local.

Dentro dos expedientes xurídicos podemos atopar distintos tipos de procedementos, con simples informes ou ditames, redactados polo propia administración

O recurso contencioso-administrativo é unha acción dos administrados, membros da corporación ou outras administracións públicas, ante a Xurisdición contencioso-administrativa, contra os actos e acordos das Entidades Locais que poñan fin á vía administrativa ou fagan imposible ou suspendan a súa continuación, previa interposición do recurso de reposición nos casos que proceda.

A reclamación económico-administrativa, é efectuada polos administrados ante o Tribunal económico-administrativo provincial, fronte a determinadas resolucións de natureza tributaria, orzamentaria ou de normativa fiscal emanadas do Concello, en defensa dos seus intereses.

SERVIZOS AGROPECUARIOS E INDUSTRIAIS

Esta 1ª División de sección recolle a función dos concellos no referido á promoción e potenciación económica do seu territorio, dividida en varias agrupacións documentais relacionadas cos diversos eidos, actividades ou radios de acción nos que se concreta a mesma: agricultura, gandería e montes; caza; pesca; industria, turismo e traballo.

3.2.1.- Expedientes de actividades agropecuarias
Agrupación de series con expedientes de actividades agropecuarias que teñen como obxecto a tramitación de moi variados procedementos en relación á promoción, control e defensa dos intereses agrícolas, gandeiros e forestais dos municipios. Deste xeito, podemos destacar os expedientes de extinción de pragas, os expedientes de repoboacións, as cales soen ser políticas estatais ou autonómicas nas que colaboraban, en ocasións, os concellos; os expedientes de concentración parcelaria, os censos agropecuarios, cotos de caza, vedas de pesca etc.

3.2.2.- Expedientes de actividades industriais
Agrupación de series con expedientes de actividades agropecuarias que teñen como obxecto a tramitación de moi variados procedementos en relación á promoción, control e defensa da actividade industrial e mineira entendida en sentido amplo de estudos, informes, memorias, plans de actuación e desenvolvemento etc.

3.2.3.- Expedientes de fomento turístico
Agrupación de series con expedientes de actividades turísticas, edición de folletos, subvencións etc.

SEGURIDADE CIDADÁ

1ª División de sección referida á función dos concellos de salvagardar e protexer a integridade física e moral da súa poboación de calquera tipo de agresión, independentemente da súa causa, ben sexa de natureza humana ou catastrófica.

3.5.1.- Depósito de detidos
Documentación dos depósitos de detidos, tamén denominados como cárceres ou calabozos municipais.

3.5.2.- Policía municipal. Orde pública
Agrupación de series relacionadas coas actuacións municipais en materia de orde público, entre elas o funcionamento e actuacións da policía local.
A policía local ten como misión protexer o libre exercicio dos dereitos das persoas e garantir o normal desenvolvemento da convivencia, a seguridade cidadá e a seguridade vial.

3.5.3.- Catástrofes. Protección Civil
Documentación do servizo de protección civil, que ten coma orixe o establecemento das Xefaturas Locais de Defensa Pasiva nas poboacións de máis de 20.000 habitantes que non foran capitais de provincia en 1941, sendo substituídas polas Xefaturas Locais de Protección Civil en 1960, abarcando toda as localidades con esa poboación. Así mesmo, coa democracia e o Estado das autonomías, este servizo tentou ser relanzado en tódalas localidades, cando menos dotándoo dunha funcionalidade mínima en tódolos concellos.

Por outra banda, toda aquela documentación referida a catástrofes naturais sufridas polos veciños e bens materiais existentes no concello (inmobles, cultivos, vías de comunicación,...) tales como inundacións, incendios forestais, sarabia, nevaradas e outras similares van incluídas dentro desta serie xenérica baixo o epígrafe de catástrofes.

Outro servizo relacionado coa protección e seguridade da poboación é o constituído polas actividades desenvoltas polos bombeiros, concibindo neste termo tanto os bombeiros propiamente ditos como, por extensión, as cuadrillas de extinción de incendios forestais. Como norma xeral, a súa documentación debe ser encadrada dentro desta serie independentemente do seu contido manténdose unida toda a documentación referida a unha campaña de extinción de incendios forestais (tramitación da subvención, contratación de persoal, adquisición de materiais, etc...).

3.5.4.- Expedientes de multas e denuncias
Recolle os expedientes de multas que abranguen calquera tipo de expediente ou documento de sanción imposta pola policía local en calquera ámbito ou servizo, cando aparecen de xeito específico e illado sen formar parte dun expediente máis amplo, e por extensión calquera multa imposta no concello agás as de competencia do alcalde que teñen o seu apartado específico.

O mesmo podemos dicir dos expedientes de denuncias, coa mesmas peculiaridades que o caso das multas.

3.5.5.- Expedientes de emigración
As funcións encomendadas ós concellos en relación ó control e regulación dos movementos migratorios no seu territorio, tanto cara ó interior como cara ó exterior, son escasas posto que a maior parte das prerrogativas no tema son exercidas polo goberno central. Non obstante, en determinados períodos históricos, os concellos foron unha primeira instancia de control dos fluxos migratorios, xerando no exercicio de tal actividade determinados expedientes e rexistros que deben ser encadrados dentro desta serie xenérica.

3.5.6.- Atestados
Documentos oficiais en que se dá fe dun feito.

3.5.7.- Certificacións de boa conduta
Certificacións emitidas polo concello, con informes de alcaldes ou alcaldes de barrio ou da policía local, acreditando bos comportamentos.

3.5.8.- Libro rexistro de denuncias
Rexistro de denuncias.

3.5.9.- Libro rexistro de multas
Rexistro de multas.

3.5.10.- Prestación de traballo en beneficio da Comunidade
Documentación xustificativa de cumprimento de penas menores realizando traballos en beneficio da comunidade, normalmente froito dun convenio entre o concello e a administración de xustiza.

SECRETARÍA

A función fundamental desenvolta pola secretaría dende o século XIII é a de asegurar a fe pública, vixiando a legalidade dos actos e dos documentos administrativos producidos. Así en relación con elo dende sempre aparece a figura do secretario como principal responsable da produción e conservación documental e como figura preeminente dentro da estrutura administrativa.

Ao longo do século XIX e XX foise consolidando a figura do secretario con estas funcións anteditas e reforzouse a súa presenza na tramitación dos expedientes xerados polos diversos servizos da administración local; esta xefatura virtual de tódolos servizos xerais desaparecerá a partires de 1985.

Documentalmente esta 1ª División de sección contén documentos da secretaría xerada para deixar constancia e comunicación das actividades levadas a cabo pola secretario municipal no exercicio das súas funcións: informes, libro de rexistro de entrada, correspondencia, certificacións, memoria e outros asuntos derivados da organización administrativa da Institución.

2.1.1.- Memorias. Informes
Estudios e informes realizados pola Secretaría con diversos fins e con valor informativo e xurídico respectivamente.

2.1.2.- Certificacións
Documentos que acreditan actos o situacións de carácter administrativo cuxo destinatario é unha persoa, órgano ou entidade e que pretende a produción de efectos nun procedemento administrativo ou no marco das relación xurídicas privadas. O termo certificación utilizase para as acreditacións emitidas polo secretario dun órgano colexiado sobre acordos adoptados por este.

2.1.3.- Correspondencia
Conxunto de cartas ou documentos soltos que se reciben o expiden dende a administración municipal no decurso da súa actividade cotián e que non pasaron a formar parte de ningún expediente individualizado.

2.1.4.- Instancias
Documento que emana dun particular e que se dirixe á autoridade administrativa solicitando licenza, dereito ou graza. Como norma supoñen o inicio dun expediente ou trámite administrativo. Integran esta serie aquelas que por diversas causas non chegaron a formar parte de ningún expediente, ás veces por ser copia das mesmas.

2.1.5.- Expedientes de acción veciñal
Documentación relativa a actividade e relación coas asociacións veciñais, tanto no relativo á súa constitución e formalización, como as vías de participación reguladas para a súa participación na actividade municipal.

2.1.6.- Libro copiador de correspondencia
Rexistro con información básica da correspondencia recibida

2.1.7.- Libro rexistro de certificacións
Rexistro que recolle resumo e datos básicos das certificación expedidas pola secretaría municipal.

2.1.8.- Libro rexistro de instancias
Rexistro que recolle resumo e datos básicos das instancias expedidas pola secretaría municipal.

SANIDADE

Esta 1ª División de sección recolle unha función básica dos concellos, aínda que compartida con outras administracións, como é velar pola saúde e benestar físico dos seus habitantes, proporcionando unhas axeitadas condicións de hixiene, salubridade e atención sanitaria ós mesmos.

3.6.1.- Xunta Local de Sanidade
Órgano colexiado existente en tódolos concellos, presidido polo alcalde e formado por concelleiros e persoal sanitario que presta servizo no territorio municipal, encargado de xestionar e definir as actuacións en materia de sanidade. Documentalmente consérvase alo menos o Libro de actas de sesións da Xunta Local de Sanidade e, as veces, expedientes de sesións da propia Xunta Local de Sanidade con documentos tratados en cada sesión.

3.6.2.- Expedientes de sanidade
Agrupación de series con documentos e expedientes xerados polo concello en función da actividade exercida para o control sanitario dos seus habitantes. Entre eles podemos atopar os expedientes de campañas de vacinación, instruídos para levar a cabo tales campañas sanitarias; os expedientes de control sanitario, expedientes de epidemias relacionados co estudo, detección e tratamento de tal andazo; memorias do estado sanitario do municipio, expedientes de reclamacións por infraccións sanitarias, expedientes de declaración de insalubridade e clausura provisional de establecementos e edificios de servizo público, partes médicos, controis de augas e fontes elaborados polo persoal médico propio do municipio (médicos, farmacéuticos, matronas) como constancia do exercicio da súa actividade; rexistros de vacinacións e rexistros de epidemias, que normalmente existentes en forma de libro asentan tales asuntos entre outros moitos que se desenvolven por parte dos concellos na función de control da saúde dos seus habitantes. Tamén a documentación referida á xestión e mantemento dos centros sanitarios por parte dos concellos

Por último os expedientes de sanitarios locais, creados a partir do Regulamento de persoal dos servizos sanitarios locais de 1953, entendendo por tal tanto os servizos médicos (médicos, practicantes, matronas, farmacéuticos) como veterinarios. Atopamos documentación relacionada co súa presentación e nomeamento ou coa saída ou cese de sanitarios locais, ou cos períodos vacacionais, infraccións, expedientes disciplinarios, queixas etc.

3.6.3.- Expedientes de sanidade animal
Agrupación de series documentais relacionada coa actividade de inspección veterinaria referidos a calquera tipo de inspección efectuada polos servizos veterinarios municipais e moi relacionados coas matanzas de animais para o seu consumo humano. Outros exemplos de expedientes de sanidade veterinaria serían as certificacións de requisas de gando inutilizado por razóns sanitarias, expedientes de autorización sanitaria de matanzas domiciliarias, expedientes de epizootias, etc...Atopamos tamén libros rexistros ou partes do servizo veterinario, censos de animais, sempre e cando estean elaborados con fins sanitarios e non fiscais, libros rexistros de epizootias –utilizados para consignar datos acerca de repercusións das epidemias ou pestes provocadas por enfermidades contaxiosas-, libros rexistros de matanzas domiciliarias e outros como recoñecementos sanitarios de sanitarios en matadoiros, padróns de animais enfermos, rexistros de cartillas gandeiras -con fins sanitarios-, relacións de cabezas de gando inutilizado por razóns sanitarias, ...

3.6.4.- Expedientes de saneamento e medio ambiente

3.6.5.- Expedientes do cemiterio
Agrupación de series xerada a partir da función dos concellos de velar e supervisar a correcta aplicación da normativa sanitaria promulgada ó respecto para o funcionamento de cemiterios parroquiais e municipais. Nembargante, as actividades desenvoltas polos concellos neste eido teñen unha especial incidencia nos cemiterios da súa titularidade, en canto que o conxunto de funcións desempeñadas neles van máis alá das sanitarias. Recolle polo tanto toda a documentación relacionada cos cemiterios municipais, agás as obras que teñen o seu apartado específico dentro das obras municipais. Podemos atopar documentos e expedientes diversos: expedientes de concesión de sepulturas, expedientes de cambio de titularidade de sepulturas estreitamente vencellados cos anteriores; expedientes de creación ou clausura de cemiterios; e expedientes de incineración de cadáveres, expedientes de inhumación de cadáveres, expedientes de redución de restos e expedientes de traslado de cadáveres como procesos realizados nos cemiterios que deben contar coa preceptiva supervisión municipal. Ou rexistros como é o libro rexistros de enterramentos ou sepulturas dende 1866 ou os libros rexistros de inhumacións, exhumacións ou incineracións dende 1974.

3.6.6.- Correspondencia de sanidade
Correspondencia recibida ou emitida polo concello relacionada coa actividade sanitaria.

REXISTRO

O control dos documentos que se recibían ou se envían a persoas físicas ou xurídicas e a outras institucións exerceuse durante o Antigo Réxime dende a escribanía o a secretaría xeral mediante a redacción de diversos rexistros. A aparición do rexistro xeral como oficina propia con persoalidade e funcións definidas está ligada a transformación administrativa iniciada en 1837 e plasmada en 1872, desenvolta especialmente na lei de bases de 1899 e todas as que lle seguen especialmente o regulamento de organización de 1952 e 1986.

Esta actividade xera as seguintes series documentais:

2.2.1.- Libro rexistro de expedientes
Rexistro para anotar os expedientes tramitados no concello, e no seu caso, o fluxo administrativo dos mesmos.

2.2.2.- Libro rexistro de entrada de documentos
Documento de rexistros no que se asenta todo escrito ou documentación oficial que se presente o reciba na entidade local, cos datos identificativos de procedencia, número de orde, data de entrada, resumo do documento e tramitación cursada. A partires de 1982 comeza a realizarse informaticamente, antes sempre en libro encadernado.

2.2.3.- Libro rexistro de saída de documentos
Relación que garante a constancia da saída dos documentos que foron despachados definitivamente polo concello, con datos de destinatario, data, e resumo do documento. A partires de 1982 comeza a realizarse informaticamente, antes sempre en libro encadernado.

2.2.4.- Libro rexistro de anuncios no BOE
Rexistro de anuncios remitidos para publicar en Boletíns Oficiais

2.2.5.- Rexistro de documentos
Serie creada nalgúns arquivos para recoller aqueles documentos orixinais enviados ou recibidos (copia dos propios documentos de saída e fotocopia dos de entrada), ordenados por número de orde.

2.2.6.- Portelo único
Documentación producida neste servizo que permite aos cidadáns presentar nas oficinas do concello a documentación administrativa dirixida á Xunta de Galicia e outras institucións da Comunidade Autónoma. As funcións que comprende son:

  • Rexistro xeral de escritos, solicitudes ou comunicacións dirixidas a calquera órgano da Administración Autonómica de Galicia.
  • Información xeral da Administración Autonómica de Galicia.
  • Información particular sobre aqueles expedientes administrativos tramitados por instancia de parte ante a Administración Autonómica de Galicia, nos que o solicitante sexa o interesado.
  • Acceso ao rexistro xeral de contratistas da Comunidade Autónoma.
    Ademais aparecen máis, ocasionalmente, outros rexistros para temas ou asuntos concretos, debidamente identificados na súa denominación:

2.2.7.- Libro rexistro de poderes e autorizacións
Rexistro de poderes e autorizacións.

2.2.8.- Libro rexistro de notificacións
Rexistro de notificacións.

2.2.9.- Libro rexistro de comunicacións
Rexistro de comunicacións.

2.2.10.- Libro copiador de oficios
Rexistro de oficios.

2.2.11.- Libro rexistro de disposicións
Rexistro de disposicións.

2.2.12.- Libro rexistro de xiros
Rexistro de xiros.

2.2.13.- Libro rexistro de telegramas
Rexistro de telegramas.

QUINTAS E MILICIAS

Esta 1ª División de sección contén documentación xerada a partir da colaboración da administración local coa central en todo o relacionado co recrutamento de mozos que debían incorporarse ó exército, sendo os concellos unha institución privilexiada en canto ás actividades desenvoltas no proceso. Así mesmo, e por extensión, abrangue todo o relacionado coas misións encomendadas ós concellos como entidades locais colaboradoras co exército do Estado, en calquera tipo de asunto militar ou defensa exterior.

As funcións de recrutamento de soldados para o exército do Estado, teñen orixe nas milicias cidadás da época dos Reis Católicos se ben, para falar con propiedade de quintas, habería que remontarse ó recrutamento forzoso ou servizo militar obrigatorio establecido no reinado de Carlos III (1770).

Non obstante, esta 1ª División de sección de quintas pódese considerar como unha 1ª División de sección pechada, posto que no ano 2001, inclusive, finalizou a obriga de realizar tanto o servizo militar obrigatorio como a prestación social substitutoria, deixando, polo tanto, de xerarse os expedientes desta 1ª División de sección e de exercer os concellos as súas funcións militares.

3.12.1.- Expedientes de recrutamento
Agrupación de series que recolle tódolos trámites relacionados coas quintas e veñen xerados a partir das funcións atribuídas ós concellos, en canto administración participante no proceso de recrutamento de quintos.

Son expedientes anuais tamén denominados expedientes de alistamento, provindo ese carácter xeral en que aglutina diversas operacións relacionadas coas quintas como alistamento, clasificación e revisión e distribución do continxente previas ó servizo militar obrigatorio.

Conteñen os expedientes persoais dos quintos, como expedientes individuais tramitados a cada un dos mozos encadrados dentro do reemprazo anual, no referente ó seu alistamento; os expedientes de revisión de quintos, instruídos para o control das altas e baixas do persoal reservista, é dicir, de aqueles quintos que unha vez rematadas as súas obrigas activas no servizo militar, pasan ó licenciarse a situación de reserva podendo ser recrutados de novo, ata unha certa idade, se as especiais e excepcionais situacións da defensa do Estado así o precisasen.

Os padróns de alistamento, nos cales se rexistran un por un, todos e cada un dos quintos que se alistan para a súa posterior recruta, cos seus datos identificativos básicos. Son formar parte do expediente xeral de quintas, no cal caso non se debe separar.

3.12.2.- Censos de requisición militar
Son censos ou listados de control militar, elaborados polos concellos en determinadas épocas, sobre todo no período franquista, para a contabilización dos bens materiais e subministros (transportes de tracción motor ou animal, edificios, armas,...) propiedade de tódolos particulares veciños dos mesmos, e que deberán ser postos a disposición do exército do Estado no caso de que as circunstancias de defensa así o requiran.

O obxectivo destes censos é ter un medio de planificación da política militar, coñecendo anualmente os medios loxísticos e de intendencia dos que dispón o exército en caso de conflito, e así suplir a carencia dos seus propios.

3.12.3.- Mutilados de guerra
Inclúen toda a documentación referente ós mutilados de guerra así como dos ex - combatentes, tanto declaracións da súa condición, documentación de beneficencia, etc..., xustificando a súa inclusión nesta serie ó entender que, por extensión, nesta 1ª División de sección se debe encadrar toda a documentación que teña que ver coa función dos concellos de aportar homes para o exército do Estado, sendo os mutilados de guerra e ex -combatentes un sector específico dentro dese ámbito, independentemente do xeito da súa recruta: quintas, voluntariado ou calquera outro medio

3.12.4.- Expedientes de obxección de conciencia obxección de conciencia / movemento social
Son instruídos como consecuencia da instauración da prestación social substitutoria xorde como alternativa ao servizo militar, é dicir, os mozos, desde o ano 1984, poden optar por realizar o servizo militar ou unha prestación social substitutoria nunha entidade pública, asociación, etc.

Esta serie non existe necesariamente en todos os concellos xa que para acollerse a esta medida é necesario asinar un Convenio co Ministerio de Xustiza, na primeira etapa e coa Comunidade Autónoma despois.

O 31 de decembro do 2001, é a data en que finaliza a obrigación de realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria.

3.12.5.- Libro rexistro de revistas
Poden aparecer tamén determinados rexistros relacionados coas quintas: rexistros de chamada, de reservas, de revisión, de revistas como libros revisados pola Caixa de Recrutas do Goberno Militar onde se asentan as altas e baixas e se pasa lista a tódolos reservistas existentes no termo municipal, segundo o explicado nos expedientes de revisión de quintos.

3.12.6.- Correspondencia de Quintas
Correspondencia derivada das actuacións e actividades relacionadas con esta temática.

Hoxe están consideradas como series pechadas xa que pola disposición adicional décimo terceira da Lei 17/1999, de 18 de maio, de Réxime de Persoal das Forzas Armadas, determínase que a partir de decembro de 2002 queda suspendida a prestación do servizo militar. Esta medida foi adiantada a 31 de decembro de 2001 mediante Real Decreto 247/2001 de 9 de marzo.

POBOACIÓN

Esta 1ª División de sección inclúe a documentación sobre a poboación e o seu control, derivada da colaboración dos concellos coa administración central, competente nesta materia.

O control constante da súa poboación realizada con diversos fins –planificación económica, operatividade política- é unha función básica dos concellos que exerce como administración dotada do máximo achegamento ó cidadán e polo tanto, idónea para satisfacer tales recontos sistemáticos.

3.11.1.- Xunta Municipal do Censo de Poboación
Libros de rexistro das actas das sesións deste órganos municipal encargado da planificación dos traballos encamiñados á elaboración de censos de poboación e padróns de habitantes.

3.11.2.- Padrón municipal de habitantes
Rexistro coa relación dos habitantes do termo, con expresión das súas respectivas calidades. Inclúe procesos continuados de rectificacións, altas, baixas e cambios de cualificación veciñal que se producen anualmente no padrón.

É un rexistro administrativo, actualízase permanentemente, elabórano os concellos. O feito da inscrición é obrigatorio e está afectado pola lexislación sobre protección de datos de carácter persoal en canto a o seu uso e dispoñibilidade.

O censo de poboación é unha estatística, resultado dunha operación de reconto, cuxa finalidade é a de proporcionar información sobre o estado da poboación, isto é. Sobre o seu tamaño e as súas características, recollendo datos tanto demográficos como económicos, sociais, etc. O censo debe de contar con todos os individuos dun territorio (pais, comunidade autónoma, etc.), nun momento determinado; debe realizarse, ademais, cunha periodicidade definida e previamente establecida e os resultados que se obteñan, deben ser de dominio público. Elabórao o Instituto Nacional de Estatística (INE) cada dez anos, desde 1981 en todos os anos terminados en 1. A súa cumprimentación é voluntaria. Lexislación sobre función estatística.

3.11.3.- Edificios e vivendas
Rexistros complemento dos de poboación que asentan datos referentes á contabilización demográfica dos habitantes do municipio. Neste caso os censos de edificios e vivendas, existentes para rexistrar os lugares de habitación da poboación permitindo un xeito indirecto de control numérico sobre a mesma, podendo a súa elaboración servir ademais para outros fins. Son censos revisables cada certo tempo, que numeran as vivendas existentes, con carácter previos a revisión dos censos e padróns de habitantes, tendo consideración de traballos preliminares aos mesmos.

A Rexencia do Reino por Decreto 24-xaneiro-1841 dispuxera que nas Secretarías de todos os Concellos de máis de 500 veciños establecésese o Rexistro Civil de nados, casados e mortos dentro do termo xurisdicional, levándose en libros con arranxo a modelos oficiais. Será coa Lei Rexistro Civil 17 xuño 1870, cando esta función pase definitivamente a esta institucións anexas aos Xulgados de Paz e municipais. Froito delo podemos atopar nalgúns arquivos municipais, ou ás veces nos dos xulgados de paz anexos, as seguintes series documentais:

3.11.4. - Libro rexistro de nacementos
Rexistro en forma de libro nos que se asentaban os nacementos acontecidos entre 1845 e 1870.

3.11.5. - Libro rexistro de matrimonios
Rexistro en forma de libro nos que se asentaban matrimonios acontecidos entre 1845 e 1870.

3.11.6. - Libro rexistro de defuncións
Rexistro en forma de libro nos que se asentaban as defuncións acontecidos entre 1845 e 1870.

3.11.7.- Estatísticas
Serie documental que recolle unha serie de datos e estatísticas referidas á demografía e poboación.

Resultados 1 a 10 de 27