Amosando 23 resultados

Descrición arquivística
2ª División de Sección
Previsualización da impresión Ver:

TAXAS

As entidades locais poderán establecer taxas pola utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público local, así como pola prestación de servizos públicos ou a realización de actividades administrativas de competencia local que se refiran, afecten ou beneficien de xeito particular ós contribuíntes.

Deste xeito, constitúen un ingreso de dereito público que se orixina pola prestación dun servizo público de consumo divisible que reporta, aínda que de xeito secundario, un beneficio xeral para a colectividade e cunha contía igual ó custo do servizo.

O número de taxas e prezos públicos impoñibles é moi elevado, sendo regulados nas súas respectivas ordenanzas fiscais, destacando algúns como a taxa por recollida de lixo, abastecemento de augas, ocupación de vía pública, etc...

4.2.2.1.- Ordenanzas fiscais
Norma xurídica xeral, obrigatoria e permanente, de carácter subordinado á Lei e a outras normas de rango superior, ditadas polas Entidades Locais, pero no ámbito puramente fiscal. (1911)

4.2.2.2.- Listas cobratorias
Relacións de contribuíntes ou as súas modificacións, que poder atoparse agrupadas nos padróns de exaccións municipais, ou individualizadas por conceptos: augas, lixos, entrada de garaxes, toldos, escaparates...

SELECCIÓN DE PERSOAL

Esta 2ª división de sección, SELECCIÓN DE PERSOAL, está conformada polas seguintes series documentais:

2.4.4.1.- Expedientes de oposicións e concursos
Expediente tramitado para a provisión de prazas de persoal mediante probas de selección nas súas modalidades de oposición, libre ou restrinxida, concurso-oposición ou simplemente concurso. Recollen habitualmente todo o proceso que vai dende a convocatoria, solicitudes, proceso de selección a proposta de nomeamento do persoal seleccionado.

2.4.4.2.- Solicitudes de emprego
Instancia dirixida ao Alcalde na que se lle solicita un posto de traballo nas moitas dependencias ou actividades desenvoltas polos concellos

REPRESENTACIÓN DO PERSOAL

Esta 2ª división de sección, REPRESENTACIÓN DO PERSOAL, está composta por unha única serie documental:

2.4.5.1.- Representación do persoal
Recolle un amplo espectro documental relacionado coa actividade sindical de reivindicación, negociación e solución de moitos asuntos relacionados coa defensa dos dereitos do persoal funcionario e laboral dos concellos; entre eles destaca a documentación relacionada coa negociación dos convenios colectivos, coas folgas de traballadores e coas eleccións sindicais e a formación dos diferentes órganos de representación sindical (Xunta de persoal, Comisión Paritaria, Comité de Empresa...).

Os convenios colectivos supoñen un pacto ou acordo resultante da negociación desenvolta polos representantes dos traballadores e a corporación, libremente adoptado por eles en virtude da súa autonomía colectiva e supoñen na práctica un texto que recolle dito pacto ou acordo, especificando polo miúdo os dereitos e deberes dos traballadores afectados, complementando á lexislación estatal ou autonómica.

RECADACIÓN

A xestión e a recadación dos recursos, tanto de tipo patrimonial (bens de propios) como de tipo fiscal foi unha das actividades permanentes dos concellos desde os seus inicios.

4.3.2.1.- Contas de recadación
Conxunto de documentos contables de carácter auxiliar xustificativos da xestión recadatoria dun período determinado de tempo.

En base a elo é habitual atopar expedientes sobre esta función e as persoas que se ocupan desta función (nomeamentos, expedientes sancionadores…), relacións de impagados e debedores, contas presentadas polo tesoureiros, reclamacións contra sancións ou cobro de impostos etc.

4.3.2.2.- Libro de recadación executiva e voluntaria

PRESUPOSTOS ORDINARIOS

A obriga de elaborar un presuposto ordinario por parte dos concellos aparece co Real Decreto de 23 de xullo de 1835. Así se mantén nas distintas leis municipais de 1845,1856,1868,1870,1877, Estatuto de 1924, Lei de 1945, 1985 e Lei 39/88 reguladora das facendas locais. Todas elas regulan como deben ser as características do presuposto e a súa normalización e obrigatoriedade para todos os concellos.

Coa Lei 7/85 de Réxime Local e o Texto Refundido aprobado por R.D. 781/86 establécese un presuposto único denominado “presuposto xeral”, desaparecendo definitivamente os extraordinarios, adicionais ou de investimentos.

4.1.2.1.- Expedientes de financiamento. Créditos crédito

Documentación relacionada coa tramitación de financiamento para executar obras ou servizos polos concellos ante entidades bancarias (Bancos e Caixas) ou ante o Banco de Crédito Local, creado en 1924, ou a Caixa de Anticipos, dependente da Deputación Provincial.
As Entidades Locais poderán concertar operacións de crédito con toda clase de entidades de crédito para o financiamento dos seus investimentos. Inclúense nesta serie a documentación derivada da tramitación da solicitude, do proceso de formalización e da súa devolución de conformidade cos prazos previstos.

4.1.2.2.- Expediente xeral do presuposto ordinario

Agrupación de series que recolle o conxunto de documentos que reflicten os ingresos e gastos correntes do concello que se prevén para cada exercicio económico, segundo unha clasificación económico funcional.

A tipoloxía resultante ten unha evolución ao longo do tempo, marcada pola normalización dos procedementos en todas as entidades locais. O presuposto ordinario aparece regulado no Decreto de 3 de febreiro de 1823, que obrigaba á súa formación para o ano seguinte no mes de outubro de cada ano. Logo será a Lei de 1835 que obrigue a súa remisión ao Gobernador Civil para a súa aprobación e efecto, coa súa clasificación en gastos e ingresos, que se mantén no ano 1845, no Estatuto de 1924, na Lei de 1945, no Regulamento de Facendas Locais e a Instrución de Contabilidade de 1952 e, finalmente, na Lei 39/1988 e o decreto que a desenvolve 500/1990, que supuxo unha importante modificación contable a partir de 1992. De todas elas dedúcense os tipos documentais resultantes, libros e rexistros e documentos contables. Os máis habituais son os seguintes:

Conta xeral do presuposto: formada polos documentos redactados para o coñecemento, exame e fiscalización da xestión económica dos concellos; neles reflíctese con detalle as incidencias da execución do presuposto. Conta documentalmente con capítulos de ingresos, capítulos de gastos, artigos de ingresos, artigos de gastos e liquidación do presuposto; un exemplar do presuposto refundido; as relacións de mandados de pagamento e de ingreso; a relación de debedores; certificacións das modificacións de créditos efectuadas e acta de arqueo a 31 de decembro.

Conta xeral do patrimonio: documento contable cuxo obxecto e presentar o estado dos bens, dereitos e capitais, así como a relación de empréstitos e gravames, no curso dun exercicio económico. É redactada polo interventor e aprobada polo Pleno e enviada ás Delegacións de Facenda.

Conta de caudais (1924-1991), chamadas tamén de tesouraría (desde 1986), teñen o seu antecedente nas contas anuais de caudais (1845-1924) e estas, á súa vez, na conta de propios e arbitrios ou de cargo e data (1764-1845). Ten carácter trimestral e reflicten as operacións de ingresos e gastos de cada capítulo do presuposto.

Conta de valores independentes e auxiliares do presuposto (VIAP): a partir da Instrución de Contabilidade de 1952.

Liquidación do presuposto: expresión cifrada dos gastos e ingresos habidos no exercicio económico. É un documento obrigatorio, redactado polo interventor e aprobada polo Pleno

Expediente de modificación de créditos: expediente formado para acomodar os créditos aos gastos reais, cando estes non foran previstos inicialmente, cambiando os fondos de partidas orzamentarias, habilitando crédito onde faga falta desde outro lugar no que sobre ou se rexeita para un novo fin.

Mandados de pagamento e de ingreso: antes cargaremes e libranzas, a partir de 1992, ás veces, documentos contables. Son un conxunto de documentos, en base a un modelo, no que se rexistran as entradas e saídas de fondos consignados no presuposto. Teñen un encabezamento ou texto e a sinatura do pagador ou ingresador. Moitas veces levan anexo os xustificantes do mesmo, ben facturas, contratos, escrituras…etc, supondo todo iso un elevado volume documental

Libro maior, que estivo en vigor desde 1886 e 1952.

Libro de contas correntes para ingresos, en vigor entre 1924 e1952.

Libro xeral de gastos que xorde coa Instrución de Contabilidade de 1952, destinado a consignar os gastos previstos, anotándose nel as operacións de recoñecemento e liquidación de obrigas, alteracións que experimenten e pagamento das mesmas, para deducir o importe pendente de pagamento ao fin de cada mes. A estrutura inclúe a data, a explicación do asento, unha columna “cargo” subdividida en pagado, baixa, xustificado e total; outra columna ”data” coas cantidades recoñecidas , liquidadas ou contraídas, e outras co saldo e crédito dispoñible e as observacións.

Libro xeral de rendas e exaccións: xorde coa Instrución de Contabilidade de 1952, destinado a anotar os ingresos que se reciben no concello en concepto de presuposto, alteracións e os saldos pendentes de cobro ao fin de cada mes. A estrutura do libro recolle a data do asento, a explicación da anotación, un recadro para cargo e data e o saldo

Libro diario de intervención (1845-1924), que pasou a denominarse “Libro diario de Operacións”.

Libro diario de intervención de gastos, que aparece no Regulamento de Facendas Locais de 1924, substituíndo ao libro borrador de pagamentos, 1886-1924, destinado a rexistrar por orde cronolóxica os mandados de pagamento cursados. A estrutura inclúe o numero de asento, número de orde de Caixa, número de expedición do mandado, capítulo e concepto de presuposto ao que se aplica, explicación do gasto e resultas do gasto.

Libro diario de intervención de ingresos (aparece no Regulamento de Facendas Locais de 1924, substituíndo ao libro borrador de ingresos, 1886-1924), destinado a rexistrar por orde cronolóxica os mandados de ingreso cursados. A estrutura inclúe o numero de asento, número de orde de Caixa, número de expedición do mandado, capítulo e concepto de presuposto a que aplica, explicación do ingreso e resultas do ingreso.

Libro de valores independentes e auxiliares do presuposto (VIAP). Libro destinado a consignar os valores de créditos a favor dos concellos, inscricións e títulos de débeda pública, recibos a cobrar, retencións, fianzas e depósitos en xeral. A estrutura do libro recolle a data do asento, a explicación do mesmo, un recadro para entrada e saída, as existencias e as observacións. Circunscríbese ao período comprendido entre 1952 e 1990.

Libro rexistro de mandados de pagamento e ingreso, específico para anotar estes documentos contables cronoloxicamente.

A partir de 1990 os libros de contabilidade son (Orde de 17 de xullo de 1990 pola que se aproba a Instrución de Contabilidade para a administración local, BOE 23-7-1990):

Libro diario xeral de operacións, existente entre 1924 e 2006 onde se consigna, a principios de ano, os resultados do exercicio anterior, comezando polo capital activo e pasivo que se deduza do inventario, as obrigas e créditos a pagar, os créditos a cobrar e as existencias de metálico e valores así como os asentos para a apertura de contas aos capítulos ou conceptos xerais dos presupostos ordinarios e extraordinarios aprobados polas corporacións

A partir de 1992, a contabilidade empeza a facerse de xeito informático, imprimíndose os rexistros e documentos contables resultantes durante uns anos para a súa validación e conservación, costume que se foi perdendo progresivamente. Os novos documentos serían, entre outros:

Diario de operacións do presuposto de gastos.
Maior de conceptos do presuposto de gastos.
Maior de conceptos do presuposto de ingresos.
Maior de conceptos non orzamentarios.
Rexistros de mandados de pagamento e de ingreso.
Auxiliares de conta corrente.
Rexistro xeral de tesouraría (ingresos e pagamentos)

4.1.2.3.- Estatísticas presupostarias

Modelo estatístico remitido para información e control orzamentario dos concellos a administración central, recollendo a información básica das distintas partidas do presuposto, tanto de ingresos como de gastos.

Tamén poden aparecer, en períodos temporais concretos, documentos específicos do control e xestión orzamentaria dun organismo autónomo ou entidade municipal ou con participación municipal, que xeran series documentais propias:

4.1.2.4.- Expediente xeral do presuposto do Padroádego Municipal Monte Santa Trega

Documentación orzamentaria e contable específica do Padroádego Municipal Monte Santa Trega

4.1.2.5.- Expediente xeral do presuposto da Fundación Pública de Servizos Deportivos Municipais

Documentación orzamentaria e contable específica da Fundación Pública de Servizos Deportivos Municipais

4.1.2.6.- Expediente xeral do presuposto do Padroádego de Turismo

Documentación orzamentaria e contable específica do Padroádego de Turismo

PRESUPOSTOS EXTRAORDINARIOS

Foron regulados por vez primeira no ano 1835 e desapareceron coa aprobación do Real Decreto 3.183/1981, de 29 de decembro. Non estaban sometidos ao principio de anualidade, nin de unicidade, e a súa elaboración non era obrigatoria ao redactarse para fins concretos (imprevistos, obras novas de consideración, etc.).

Créanse para dispor de fondos para obras novas ou finalización e melloras en obras xa executadas, para imprevistos, para obras moi importantes ou para executar sentenzas de tribunais.

4.1.3.1.- Expediente xeral do presuposto extraordinario

É o conxunto de documentos que reflicten os gastos e ingresos da Corporación Municipal non previstos no presuposto ordinario (contas, libros de contabilidade, mandados).

PRESUPOSTOS DE INVESTIMENTOS

Xorde ao entrar en vigor a Lei 49/1981, como consecuencia da desaparición dos extraordinarios. Estará sometido ao principio de anualidade. A Lei 7 /1985 porá fin a esta serie documental que puido tramitarse entre 1982 e 1985.

4.1.4.1.- Expediente xeral do presuposto de investimentos:

É o conxunto de documentos que reflicten os gastos e ingresos que se van producir ao se poñer en marcha os programas de investimentos da Corporación Municipal (contas, libros de contabilidade, mandados).

PLANS DE OBRAS E SERVIZOS

Esta 2ª división de sección, PLANS DE OBRAS E SERVIZOS, está composta por unha única serie documental:

3.1.2.1.- Plans de obras e servizos.

Acolle esta única serie a documentación xenerada no desenvolvemento da ampla variedade de plans de cooperación das obras e servizos de competencia municipal elaborados e aprobados pola Deputación Provincial, a fin de garantir as infraestruturas e servizos en todo o territorio provincial; van dende os tradicionais plans de camiños e plans provinciais de obras e servizos, até os máis recentes como, por exemplo, os plans de axudas urxentes, de acción comunitaria, de instalacións deportivas, de urbanismo, etc.

Inclúense ademais, recentemente, os promovidos polas Comunidades Autónomas e os plans enmarcados nos programas da Comunidade Europea destinados a colaborar cos concellos no desenvolvemento de actuacións específicas de obras e servizos.

Normalmente recolle a información sobre a convocatoria do oportuno plan e a solicitude cursada pola institución municipal, así como a derivada da súa xestión e control: informes, certificación de obras, informes diversos, correspondencia, impresos, estatísticas etc.

PLANIFICACIÓN

Nesta 1ª División de sección atópanse os documentos relativos á organización do espazo urbano dos municipios, incluídos nunha agrupación de series única que recolle as distintas modalidade de planificación global ou parcial do territorio

3.1.1.1.- Expedientes de planificación
Os expedientes de planeamento urbanístico están comprendidos por aqueles plans ou programas redactados nos concellos para regular e ordenar urbanísticamente o seu termo municipal, á marxe dos proxectos e licenzas de obras públicas e privadas nas que posteriormente se concrete o seu desenvolvemento.

As súas orixes habería que situalas xa no século XIX aínda que o seu desenvolvemento e repercusión práctica está especialmente presente dende a promulgación da Lei do Solo de 1956.

Non obstante, a complexidade da ordenación urbanística motiva a existencia de figuras e programas de ordenación urbanística diversos que podemos englobar principalmente baixo os seguintes títulos:

Plans xerais de ordenación urbana, como expediente tramitado para definir os elementos fundamentais da estrutura xeral adoptada para a ordenación urbanística do territorio e para establecer o programa para o seu desenvolvemento e execución, así como o prazo mínimo da súa vixencia sendo, polo tanto, un instrumento de ordenación integral.

Plan parciais de ordenación urbana, como instrumentos para desenvolver, no solo clasificado como urbanizable programado, o plan xeral e no seu caso as normas complementarias e subsidiarias do planeamento, mediante a ordenación detallada dunha parte do seu ámbito territorial, e no solo clasificado como urbanizable no programado para desenvolver os programas de actuación urbanística.

Plans especiais urbanísticos (de reforma interior), como expedientes tramitados para desenvolver no chan urbano unha actuación illada encamiñada á creación de dotacións urbanísticas e equipamento comunitario, saneamento de barrios insalubres, resolución de problemas de circulación ou estética e mellora do medio ambiente, servizos públicos,... aténdose ós principios do plan xeral.

Expedientes de constitución de xuntas de compensación urbanísticas, como o expediente que ten por obxecto a xestión e execución da urbanización dun polígono ou unidade de actuación polos mesmos propietarios do solo comprendido no seu perímetro, con reparto de beneficios e cargas;

Expedientes de estudos de detalle urbanísticos, como instrumento urbanístico que ten por finalidade arbitrar un procedemento flexible, de tramitación rápida, que permita completar ou adaptar a realidade urbanística os plans xerais, de tratarse de solo urbano, e os plans parciais, nos demais casos, reaxustándoos e detallándoos nas súas deficiencias e imprevisións, en relación exclusiva coas aliñacións, rasantes e ordenacións de volumes.

Normas subsidiarias e complementarias como expedientes de planeamento que establecerán as disposicións que deberán ser aplicadas nos municipios que carezan de plan xeral de ordenación municipal sendo tamén de aplicación, con carácter complementario, para suplir as indeterminacións e lagoas do planeamento municipal vixente, sen modificar a cualificación do solo nin alterar as determinacións do planeamento que complementan.

Plans metropolitanos e plans provinciais de ordenación urbana redactados os primeiros nas principais cidades españolas e os segundos polas deputacións provinciais.

Programas de actuación urbanística son os programas desenvoltos polos concellos para intervir mediante o desenvolvemento das figuras de planeamento pertinentes nalgunha área ou sector que, dadas as súas peculiaridades, así o requira.

Expedientes de delimitación do solo urbano que teñen por obxecto a determinación de límites dun polígono ou unidade de actuación do solo urbano.

Expedientes de reparcelacións urbanísticas que teñen como obxecto a división simultánea ou sucesiva de terreos en dous ou máis lotes cando poida dar lugar á constitución dun núcleo de poboación.

Expedientes de convenios urbanísticos tramitados para realizar un contrato do concello con propietarios privados ou públicos para o desenvolvemento de planeamento nas súas parcelas en virtude do cal se xeran dereitos e obrigas por ambas partes.

OMIC

Esta 2ª división de sección, OMIC, contén unha única serie documental:

3.3.4.1.- Documentación da OMIC
A Oficina Municipal de Información ó Consumidor é un departamento municipal de recente creación existente nalgúns concellos -posiblemente pola Lei Xeral de Defensa de Consumidores e Usuarios de 1984-, encamiñado a orientar e aconsellar ós habitantes en materia de consumo para defender os seus dereitos e intereses tanto económicos como sanitarios na materia, incluso por vía legal se fora preciso.

Resultados 1 a 10 de 23