Amosando 179 resultados

Descrición arquivística
Series
Previsualización da impresión Ver:

Actas de arqueo

Tramitáronse sen interrupción dende o ano 1845, aínda que desde a Instrución de Contabilidade de 1990 teñen a consideración como de contabilidade auxiliar. O libro de actas de arqueo existe dende 1845 ata a actualidade. Entre 1852 e 1991 leváronse dous tipos de libros de arqueos un diario por Depositaria e outro ordinario e extraordinario por Intervención. A partir de 1991 é un libro de contabilidade auxiliar para arqueos mensuais e extraordinarios.

Actividades molestas, nocivas, insalubres e perigosas

Expediente para a concesión de licenza para a instalación de industrias, depósitos de gas e outros equipamentos suxeitos ao Decreto 2414/1961, de 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

Axudas de estudos

Aqueles expedientes instruídos coa finalidade de outorgar bolsas ou axudas de calquera natureza a estudantes para facilitar o desenvolvemento dos seus estudos ou a compra de libros de texto e material escolar.

Bandos. Edictos

Norma ditada polo Alcalde na que se fan públicas ordes precisas para o bo goberno do municipio, destinadas a tódolos veciños do concello. Normalmente é unha folla de gran tamaño con moitos exemplares destinados á súa exposición pública, coa finalidade de dar publicidade as decisións da Alcaldía.

É polo tanto un documento simple, con encabezamento (Palabra BANDO), protocolo (nome e cargo que o emite, sempre o Alcalde ou substituto legal), texto que se tenta difundir, data e firma.

Cadros de persoal

Relación de postos de traballo que o concello reserva ao persoal funcionario, laboral ou eventual. Inclúe os expedientes da oferta pública de emprego, que se tramita para dar publicidade ás prazas que están vacantes, tanto laborais como funcionarios, no cadro de persoal do concello.

Catástrofes. Protección Civil

Documentación do servizo de protección civil, que ten coma orixe o establecemento das Xefaturas Locais de Defensa Pasiva nas poboacións de máis de 20.000 habitantes que non foran capitais de provincia en 1941, sendo substituídas polas Xefaturas Locais de Protección Civil en 1960, abarcando toda as localidades con esa poboación. Así mesmo, coa democracia e o Estado das autonomías, este servizo tentou ser relanzado en tódalas localidades, cando menos dotándoo dunha funcionalidade mínima en tódolos concellos.

Por outra banda, toda aquela documentación referida a catástrofes naturais sufridas polos veciños e bens materiais existentes no concello (inmobles, cultivos, vías de comunicación,...) tales como inundacións, incendios forestais, sarabia, nevaradas e outras similares van incluídas dentro desta serie xenérica baixo o epígrafe de catástrofes.

Outro servizo relacionado coa protección e seguridade da poboación é o constituído polas actividades desenvoltas polos bombeiros, concibindo neste termo tanto os bombeiros propiamente ditos como, por extensión, as cuadrillas de extinción de incendios forestais. Como norma xeral, a súa documentación debe ser encadrada dentro desta serie independentemente do seu contido manténdose unida toda a documentación referida a unha campaña de extinción de incendios forestais (tramitación da subvención, contratación de persoal, adquisición de materiais, etc...).

Censos de requisición militar

Son censos ou listados de control militar, elaborados polos concellos en determinadas épocas, sobre todo no período franquista, para a contabilización dos bens materiais e subministros (transportes de tracción motor ou animal, edificios, armas,...) propiedade de tódolos particulares veciños dos mesmos, e que deberán ser postos a disposición do exército do Estado no caso de que as circunstancias de defensa así o requiran.

O obxectivo destes censos é ter un medio de planificación da política militar, coñecendo anualmente os medios loxísticos e de intendencia dos que dispón o exército en caso de conflito, e así suplir a carencia dos seus propios.

Resultados 1 a 10 de 179