A 1ª División de sección 1.4. COMISIÓNS INFORMATIVAS E ESPECIAIS recolle as series deste órgano de representación coa función de asesoramento ao Pleno e ao Alcalde, nas específicas áreas ou competencias de cada unha delas.
1.4.1.- Libro de actas de Comisións Informativas
Rexistro que recolle o traslado das sesións celebradas polas diferentes Comisións Informativas que funcionan en cada administración: Facenda, Urbanismo, Persoal...etc. Normalmente encadernado e coas follas numeradas, dispón de dilixencia de apertura e non é obrigatorio.
1.4.2.- Expedientes de sesións de Comisións Informativas
Recollen os documentos de cada sesión. As Comisións Informativas están integradas exclusivamente por membros da Corporación e son órganos sen atribucións resolutorias que teñen por función o estudo, informe ou consulta dos asuntos que teñan que ser sometidos á decisión do Pleno ou da Comisión de Goberno, cando esta actúe con competencias delegadas polo Pleno, salvo que sexa preciso adoptar acordos declarados urxentes. Igualmente, informarán aqueles asuntos da competencia propia da Comisión de Goberno e do Alcalde, que lle sexan sometidos ao seu coñecemento por expresa decisión daqueles. Poden ser estas sesións permanentes ou especiais.